Friday 17 de May de 2024

Inés Rey destaca o esencial traballo formativo da Escola Municipal de Música no seu 25 aniversario, convertida en “referente galego e nacional”


A alcaldesa visitou as súas instalacións o día que cumpren o cuarto de século da súa fundación

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta tarde as instalacións da Escola Municipal de Música, no día que cumpren 25 anos da súa fundación, o 22 de novembro de 1998. A rexedora levou a cabo un percorrido polas aulas da man da directora do centro, Elena Umbría, e parte do seu alumnado.

“Transcorridos estes 25 anos, podemos afirmar con total rotundidade que esta Escola é todo un referente a nivel galego e nacional, formando a máis de 10.000 alumnos desde os seus inicios”, sinalou Inés Rey, que destacou o traballo levado a cabo por José Antonio Acuña como director da Escola ata 2019, cando foi relevado por Elena Umbría. “Esta institución naceu para que toda a cidadanía contase cunha formación musical coa que gozar durante todo o ano en numerosos eventos e da que sentirse orgullosa”, engadiu.

Na actualidade, a Escola Municipal de Música conta con máis de 600 persoas matriculadas e ofrece unhas 50 actuacións ao ano. “A Escola destaca polo espírito de convivencia que se respira nela desde a súa fundación, cun clima de respecto e tolerancia que fai que o seu funcionamento sexa sobresaínte”, sinalou Inés Rey.

A Escola Municipal de Música, fundada en 1998, mantén unha oferta educativa ampla, estruturada en catro grandes áreas e dúas etapas educativas: Música e Movemento (dirixida a alumnado de 4 a 8 anos) e Área Xeral (de 8 anos en adiante). A través destas etapas, os nenos e nenas exploran a aprendizaxe musical desde un enfoque lúdico, auditivo e intuitivo, destacando materias como Instrumento, Linguaxe e Agrupación.

Durante a visita, a Banda de Gaitas da Escola ofreceu unha exhibición. Ademais, como parte dos actos do aniversario, está previsto tamén un concerto do Coro da Escola na Igrexa de San Nicolas ás 20.30 horas.